Ribadeo Camiño Norte

Ribadeo
Alén do Camiño

O Camiño do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, é xunto có Camiño Primitivo unha das vías de peregrinación a Compostela con maior historia e antigüidade.

Cando se descobren os restos do Apóstolo (século IX) o culto a Santiago iníciase con forza no Reino asturgalaico e obtén, máis alá dos Pirineos, unha rápida resposta popular.

Esta sería a vía utilizada en numerosas ocasións por reis europeos e peregrinos ilustres, coma San Francisco de Asís, para acadar Compostela, e aínda que perdeu protagonismo tras a Reconquista e a potenciación do Camiño Francés por parte da monarquía do século XII, a persistencia das peregrinacións conseguiu afianzar a ruta que pasaría xa a coñecerse tamén como Camiño de Santiago da Costa.

Percorrendo o Camiño, o peregrino cruzará pontes, calzadas romanas, sendas milenarias, atravesará pobos de longuísima tradición xacobea, cheos de xente hospitalaria e, por suposto, de espazos incribles. Supón camiñar por unha ruta con doce séculos de historia e deixar atrás hábitos e rutinas que hoxe, como nos albores da peregrinación, transforma a quen o  experimenta polo menos unha vez na vida.

Esta ruta xacobea en Galicia discorre por camiños que son o escenario secular arredor do cal se erixe un patrimonio arquitectónico e etnográfico sobresaínte e diferenciado do resto da Península.

"O Camiño Norte é unha das opcións que nos brindará maior beleza paisaxística e supón gozar dunha infinidade de paisaxes cheos de contrastes."

Ribadeo
Porta de entrada

O Camiño Norte é un itinerario de comercio, cultura e peregrinación que conduce a Santiago de Compostela polo norte, tendo en Ribadeo un dos seus fitos sinalados. Devotos procedentes non só de terras asturianas, senón tamén de todo o norte da península, e incluso, do norte de Europa chegados por mar aos portos vascos e cántabros procedentes de Inglaterra, Flandes, Alemaña ou Escandinavia, entraban en Galicia cruzando o mar Cantábrico a través da fermosa ría de Ribadeo.

É a nosa histórica vila, porta de entrada e punto de partida en Galicia da ruta xacobea. Dende aquí, 193,2 km separan ao peregrino do seu ansiado destino, a catedral de Santiago.

RibadeoXCamiño

Os peregrinos unha vez chegados a Castropol embarcábanse  para cruzar a ría de Ribadeo e entrar en Galicia por Santiago de Vigo, a vella “Ripa Euve”, Ribadeo na actualidade. Está documentada a existencia dende a idade media de barcas distribuídas pola ría que facilitaban o paso do peregrino ata o seu desembarco no porto de Porcillán, antigamente coñecido como Xulián.

Hoxe a Ponte dos Santos achega Asturias e Galicia, simplificando a entrada en Galicia.

San Xulián, co alcume do Hospitalario, é patrón dos peregrinos, hostaleiros e barqueiros. Conta a tradición que tras matar aos seus pais por equivocación converteuse en barqueiro, axudando a cruzar un perigoso río aos viaxeiros e chegando a fundar un hospital para atendelos na súa travesía xunto coa súa muller. Descoñecemos se realmente o motivo desta denominación inicial do porto  se atopa nun intento de vincular o río no que San Xulián traballaba como barqueiro coa propia ría de Ribadeo para promover a peregrinación a Santiago pola nosa vila, pero si coñecemos o labor desenvolto polo matrimonio Bela.

Pedro Belo e a súa muller María Bela fundarían unha barca piadosa que doarían ao Mosteiro de Sar e ás autoridades eclesiásticas de Ribadeo xunto cunha casa, a condición de que as dúas comunidades mantivesen en dita casa “un hombre navegante que en su barco lleve y traiga sin carga y sin precio a los yentes y vinientes por Puerto Julián, que está sobre Ribadeo”. Fundaríase así no ano 1206 a obra do Hospital da Barca da que descoñecemos canto durou, pero que tratou de favorecer no seu paso de Galicia a Asturias, ás xentes que dende todos os puntos de Europa viñan a visitar o sepulcro do apóstolo  Santiago.

De catedral a catedral

Hoxe en día os lugares máis visitados e internacionais de Galicia son Compostela coa súa catedral, obra cume da arte universal, e a praia de As Catedrais onde as poderosas augas do Cantábrico labraron, co paso dos séculos, o que hoxe se antolla como un capricho da natureza, e sorprenden ao parecerse máis a un decorado, minuciosamente trazado, que a unha sucesión de covas, pasadizos e arcos, converténdose nunha das praias máis bonitas do mundo.

Estes dous recursos forman parte dun importante nexo de gran valor e riqueza e abrázanse nunha viaxe conxunta no que calquera viaxeiro que queira levar unha imaxe máxica de Galicia non debe renunciar á súa visita e asombrarse ante o poder de creación da natureza e do ser humano.

Para o peregrino que comeza o seu percorrido en Ribadeo, a praia de As Catedrais é unha visita imprescindible onde cargar forzas antes de adentrarse na Galicia mística e deixar atrás o cheiro a  salitre do Cantábrico.

Da catedral natural á catedral espiritual

Mundialmente coñecida como Praia de As Catedrais, o seu nome orixinal é o de Praia de Augas Santas en referencia ás propiedades curativas das súas augas, ás que acudían, como un ritual de final de verán, numerosas persoas do interior da provincia para tomar os baños cunha finalidade depurativa e sanadora, pois estas augas posúen unha gran cantidade de iodo con función rexeneradora tanto para a pel, como para reforzar as defensas grazas ás súas propiedades antibióticas, antiinflamatorias, hidratantes e mineralizantes.

O Camiño Norte serve de eixo vertebrador entre estas dúas catedrais, permitindo gozar ao camiñante desta gran riqueza tanto natural como cultural.

A praia de As Catedrais, un monumento natural cunha dimensión sobrenatural, sorprenderá aos peregrinos que se desvíen uns poucos quilómetros do seu camiño para coñecela. Só hai que esperar á marea baixa, descalzarse, botar a andar…

O Camiño de Santiago en Ribadeo

A etapa por terras ribadenses é un traxecto duns 16 km., con inicio no porto dende onde o peregrino ascenderá pola rúa Amando Pérez, antigamente rúa Maior, cara ao casco histórico da vila, alzado sobre unha atalaia natural dende a que divisar a beleza da ría que lle dá nome, e adentrarse no seu importante conxunto arquitectónico medieval e moderno.

Avanzar pola súa ruta ilustrada permite ao camiñante introducirse nunha traza urbana única, produto do auxe económico vivido no século XVIII da man do comercio marítimo, cando destacados comerciantes locais e foráneos atraídos por este esplendor comercial  promoverán a construción de novas vivendas, favorecendo a transformación da vila, das súas infraestruturas, rúas e arquitectura, aportándolle un carácter e espírito propio, singular en Galicia.

Comezada a subida, o camiñante deixa atrás o edificio da antiga Aduana coa súa fermosa fachada orientada cara ao norte. Pazo construído no 1726 que foi sede da aduana chegando a ser a terceira en volume de recadación do antigo reino de Galicia, só por tras das da Coruña e Ferrol. Os seus amplos baixos servían de almacéns e alfolí, e dicir, de pósito e almacén de sal.

Ascendendo pola que no século XVIII era a principal vía da vila, o peregrino avanzará entre un importante número de vivendas tradicionais, tanto humildes, de planta baixa, coma outras de maior empaque. As máis salientables por ser propiedade de importantes comerciantes da vila son a coñecida como Casa de Abaixo, construída por Francisco Antonio de Bengoechea, comerciante de orixe vasco, onde instalará a Casa de banca e comercio Bengoechea, dedicada á actividade comercial, navieira e bancaria, a comezos do século XIX, ou o pazo que pertenceu aos Miranda e que loce as súas armas. O seu primeiro propietario foi don Pedro de Miranda Osorio, cabaleiro de Santiago, que se enriqueceu no século XVIII co comercio da madeira.

Máis arriba, e cando divisamos ao fondo as árbores da Praza de España, centro neurálxico da vila na actualidade, a fermosa casa de don Clemente chama a atención cos seus balcóns e galerías, acercando ao peregrino a un novo elemento fundamental para coñecer a idiosincrasia ribadense. A emigración a América e a importante pegada deixada polos emigrantes que volveron, os indianos, converten a Ribadeo no municipio galego con maior taxa de vivendas indianas ou de indianos.

Fronte á casa de don Clemente, a praza de Abaixo, antiga praza maior da vila e o centro neurálxico da convivencia cidadá ata o século XIX, ábrese ao camiñante. Na actualidade asoman a esta praza magníficos edificios que reflicten nas súas fachadas a historia da vila. A Torre dos Moreno, o antigo concello, o cine Colón e magníficas vivendas con balcóns e galerías de finais do século XIX e principios do XX.

Rematada a subida, o camiño chega á Praza de España, cuxo nome histórico é o de praza do Campo, por estar situada fóra da antiga muralla da vila e cando aínda non existía a alameda. Arredor desta praza álzanse construcións que permiten percorrer a historia de Ribadeo, coma o pazo neoclásico de Ibáñez, a Torre dos Moreno, o Convento de Santa Clara e a Igrexa  Parroquial de Santa María do Campo.

De visita obrigada para o peregrino, a Igrexa Parroquial de Santa María do Campo foi parte do antigo convento franciscano fundado, segundo a tradición, por Francisco de Asís durante a súa peregrinación a Compostela no 1214, ao chegar ata aquí por ser Ribadeo sede episcopal nese momento.

Pouco queda xa do templo medieval reconvertido en parroquial coa denominación de Igrexa de Santa María do Campo tras a desamortización. Hoxe ten tres naves abovedadas e unha singular capela na que está enmascarada a entrada á antiga sala capitular.

Na próxima rúa de Villafranca del Bierzo, existiu un hospital para peregrinos que dá testemuña de ser Ribadeo unha vila hospitalaria xa dende o século XII, o Hospital de San Sebastián.

Numerosos escritos aseguran que o hospicio acollía a “pobres, peregrinos, transeúntes e enfermos”. No ano 1550 o hospicio dispoñía de 20 camas e aos peregrinos “se les daba albergue sólo durante 24 horas en las cuadras de la planta baja proveyéndoles de leña para hacer lumbre, paja para acostarse y una manta del país para cubrirse”.

No 1766 prodúcese a súa fusión co hospital de San Lázaro, desaparecendo definitivamente no 1857 xa convertido en hospital de caridade e centro de asistencia.

Abandona o Camiño o Casco Histórico pola rúa San Francisco encamiñándose cara a Capela de San Lázaro. Situada no barrio do mesmo nome, ao carón do antigo Camiño Real que ía a Mondoñedo, hoxe é un paso obrigado para os peregrinos que transitan o camiño cara a Santiago. É o único que se conserva do antigo hospital do mesmo nome que existiu dende o século XIV para a atención de enfermos de lepra.

A capela como o hospital foi sempre moi humilde. Na porta esquerda, gardada por rexas, ten un pequeno altar coa imaxe de San Lázaro, patrón dos leprosos e os pobres, motivo polo que aos hospitais en xeral e en especial aos infecciosos, e máis frecuentemente aos leprosos, se lles chamara “lazaretos”.

Dende aquí, o Camiño continúa por unha antiga ruta, quizais romana ou tardorromana, que ademais era a principal vía de acceso ao interior de Galicia e á antiga capital de Mondoñedo, e que nos levará a Vilanova de Lourenzá.

O Camiño de Santiago en terras de Ribadeo discorre por un territorio que conserva en gran medida as formas e modos de vida tradicionais, o que permite a identificación sobre o terreo dunha paisaxe cultural dende o punto de vista histórico, arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico, ademais dos valores inmateriais como depositarios das actividades e costumes tradicionais que se conservan.

O peregrino cruzará as parroquias de Ove, onde a antiga Orde dos Cabaleiros Hospitalarios tivo unha das súas casas dependente do Hospital de Portomarín, Covelas e Arante. Nesta última, no barrio de A Ponte, a visita ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes é obrigada.

Trátase dun santuario moi venerado e visitado polos fieis debido á fama milagreira da súa virxe. A orixe deste templo data de finais do século XIV, aínda que foi reformado nos séculos  posteriores. No altar conserva un retablo renacentista con imaxes de Nosa Señora das Virtudes e un Santiago Matamouros.

Este templo conserva un rico patrimonio en pinturas muráis tardomedievais, así coma un singular exvoto pintado que relata a intervención milagreira da Virxe en favor do navío Santa Catalina no 1595.

A relación do lugar da Ponte co Camiño de Santiago ven de antigo, ao existir neste punto dende o século XVI un hospital, baixo a advocación de San Andrés, para pobres e peregrinos  aos que había que darlles, sen paga ningunha, casa, cama, luz e leña.

Os peregrinos só podían pasar unha noite, o encargado de recibilos era o hospitaleiro, ao ser esta unha das súas funcións ao igual que facer as camas e a comida “y tenga cargo de labar la ropa y hacer y dar lumbre a los dichos romeros”.

No 1834 unha gran riada levaría por diante o edificio do hospital e a capela de San Andrés coas súas imaxes que estaba unida ao mesmo, desaparecendo nesta data a actividade hospitalaria na Ponte.

Descobre Ribadeo

Destacados

Os sitios que non podes perder no Camiño ao seu paso por Ribadeo.

Por que Ribadeo?

Porque existe un Ribadeo natural, cultural, vivo e próximo.

RibadeoXQSí

RibadeoXVivo

En cada recuncho encontrarás unha tenda ou establecemento que define o día a día da poboación local e o seu dinamismo comercial.

RibadeoXCultural​

En Ribadeo o peregrino sempre encontrará algo para ver ou facer. A vila dispón de diversos espazos dotados dunha programación pensada para todos os públicos.

RibadeoXNatural

Ribadeo forma parte da declarada pola UNESCO no ano 2007 Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e terras de Burón.