Ribadeo Camiño Norte

Atalaia

Trátase dun dos templos máis antigos de Ribadeo, construído no século XII sobre tramos das antigas murallas, no que quizais sexa o punto máis emblemático do casco antigo da vila.

Dada a localización estratéxica nun promontorio sobre o porto, en tempos medievais o lugar foi utilizado para guiar ós navegantes a través de fogueiras. No século XVI constrúese un baluarte defensivo que pasaría a integrarse dentro do sistema defensivo da vila, para ser abandonado cara mediados do século XVIII.

Nesta capela, consagrada á Santísima Trindade, reuníanse os gremios e celebrábase o “concello aberto”, cando aínda non existía a actual organización municipal. O concello aberto consistía nunha asemblea xeral de veciños electores que se celebraba cada un de xaneiro.

A capela sufriu varias reformas no transcurso do tempo. Actualmente conserva a porta principal gótica do s. XIV, con decoración en zig-zag (igual que a portada da actual Igrexa parroquial de Santa María do Campo) e dúas cabezas humanas nos extremos, sobre a porta atópase o escudo de armas da vila. Consta de nave, arco triunfal e presbiterio.

No seu interior contén tres retablos. O maior, do século XVIII, pertenceu á antiga Colexiata de San María sendo trasladado aquí cando se derribou o templo, con tallas de variada cronoloxía entre as que se atopa a imaxe titular da Santísima Trindade e unha pila de auga montada sobre unha columna gótica.