Ribadeo Camiño Norte

Igrexa parroquial de San Vicente de Covelas

No lugar de San Vicente ten a súa sede a parroquia de Covelas. Con certo aire monumental, as súas casas máis antigas seguen as formas tradicionais e alíñanse ó longo do Camiño, que ten na igrexa o seu cume; en paralelo á actual estrada están as máis recentes, incluíndo un elegante chalé indiano. Ó estruturarse á maneira dunha rúa, nas traseiras das vivendas están situados os alpendres e os hórreos, as veces en posicións inverosímiles. As vistas sobre o val de Cedofeita son magníficas e inclúen unha panorámica insólita sobre o pazo do século XVI construído por Lope García de Cedofeita. Detrás da igrexa está o pintoresco barrio de A Rúa.

A súa igrexa parroquial é unha das máis antigas de Ribadeo, xa que se cita nos documentos de constitución do mosteiro de Lourenzá (século X). Non obstante, a igrexa actual é un impoñente edificio dos séculos XVII e XVIII, que resultou gravemente danado durante a invasión francesa.

Estamos ante un templo amplo, de tres naves separadas por arcos que descansan sobre piares e pilastras das que parten arcos faixóns ás tres naves.

A nave central cúbrese con bóveda de lunetos, en forma de media lúa que atravesan os lados da bóveda co fin de introducir iluminación natural ó interior.

O pórtico acolle a pila bautismal e no seu interior conserva varios retablos con tallas de diversos períodos, destacando unha imaxe de Santa Catarina, do século XVI e outra de Santa Bárbara, de estilo barroco.