Ribadeo Camiño Norte

Pazo de Ibáñez

Pazo do século XVIII de estilo neoclásico mandado construír por Antonio Raimundo Ibáñez para albergar a súa vivenda habitual.

De planta rectangular e dobre altura máis bufarda, está fabricado en sillería granítica e con cuberta de lousa a catro augas, cun soportal de cinco pilastras na fachada principal e con catro balcóns de frontóns triangulares. A balaustrada do balcón de estilo isabelino foi fabricada en Sargadelos cando era fundición. Sobre estes balcóns pódese ver o escudo de armas de Ribadeo.

Trala morte de Ibáñez no 1809 a familia é detida e levada a Figueiras, polo que a casa sufrirá diferentes saqueos, sendo utilizada durante un tempo como cuartel e incluso como cárcere.

Avanzado o século XIX, a casa é comprada polo comerciante Antonio Casas, pasando a coñecerse como Casa de Casas ou de Arriba, en contraposición coa denominada “Casa de Abaixo” propiedade de Francisco Antonio de Bengoechea. Eran os armadores e banqueiros máis importantes de Ribadeo á vez que rivais políticos, xa que Casas era membro do partido conservador e Bengoechea do partido liberal.

No 1936 o edificio transfórmase temporalmente en hospital militar durante a Guerra Civil. Finalizada a guerra, é adquirida polo Concello instalándose aquí a sede municipal.