Ribadeo Camiño Norte

Pazo de Guimarán

Edificio do século XVIII fundado por Bernardo Rodríguez de Arango y Murias Mon, alcumado O Indiano. Nado en Santa Eulalia de Oscos en 1704, herda a fortuna do seu tío José Fernández de Murias Mon, empresario e comerciante que fixo fortuna nas Indias obtendo o título de fidalgo.

Estableceuse en Ribadeo na década dos trinta do século XVIII, dende onde comezou a administrar toda esa fortuna e fundou diversas obras pías e capelanías.

Un dos elementos habituais cos que contaban os pazos galegos era a súa capela, que se pode observar na parte traseira do edificio. Está consagrada á Virxe do Rosario de Chiquinquirá patroa de Colombia, á que Bernardo Rodríguez de Arango profesaba unha gran devoción, e a San Bernardo.

Outro elemento destacado deste edificio e propio dos pazos é a súa torre. Como podemos observar tamén dispón dunha galería, cunhas magníficas vistas sobre o porto, a ría e o casco vello. Está rodeado por un muro de peche e na porta dianteira posúe un fermoso xardín que conta cun cruceiro como elemento clave.