Ribadeo Camiño Norte

Capela de San Lázaro

Situada no barrio do mesmo nome, ó pé do antigo Camiño Real que ía a Mondoñedo, hoxe é un paso obrigado para os peregrinos que transitan o camiño ata Santiago.

Tanto a capela coma o Hospital, foron sempre moi humildes. O antigo hospital de San Lázaro, no que se atendía aos enfermos de lepra, funcionaba en Ribadeo a comezos do século XIV. Eran patróns do mesmo o Concello e o cura párroco da vila, os que nomeaban ó capelán do establecemento e ó mordomo. Desapareceu no segundo terzo do século XVIII cando en 1766 se fusiona co hospital de San Sebastián, sen que se conserve na actualidade ningún vestixio do mesmo, máis alá da capela actual reedificada no ano 1884.

Presenta unha construción rectangular, con bóveda de canón e cuberta a dúas augas, arco triunfal e capela maior rectangular tamén. Sobre a porta lateral vemos o escudo de Ribadeo feito en pedra.

Na porta esquerda, gardada por rexas, hai un pequeno altar coa imaxe de San Lázaro, patrón dos leprosos e dos pobres, motivo polo cal ós hospitais en xeral e en especial ós infecciosos, e máis frecuentemente ós leprosos, chámaselles “lazaretos”. O nome de Lázaro relacionámolo coa resurrección e coa caridade para os máis desvalidos.