Ribadeo Camiño Norte

Casa dos Miranda

A vinculación dos Miranda con Ribadeo é antiga. Xunto cos Menéndez Navia, Sierra, Ribadeneira ou Aguiar, son os grandes fidalgos comerciantes marítimos de madeira durante os séculos XVI e XVII.

Emparentarán con outras grandes familias da época coma os Osorio ou Villamil, chegando a conseguir importantes postos de responsabilidade na vila. Pedro de Miranda y Osorio ostentaría o cargo de cabo e gobernador de armas (século XVII), e Fernando Miranda y Olmedilla (morto na primeira guerra carlista) o de xuíz e máis tarde deputado e comandante da Milicia Nacional.

A señorial casa dos Miranda consta de baixo e dúas plantas, con tres balcóns con varanda de fundición enreixada e, nos baixos, de tres sólidos portalóns de madeira con molduras. A porta central de dobre folla, con montantes vidrados e cancela de forxa, é a da entrada á casa. A súa fachada está toda construída de cantería e, entremedias do balcón central do primeiro andar, na parte alta, atópanse dous escudos de armas labrados en pedra de mármore brando e en moi bo estado de conservación.

Nesta casa deberon establecerse cara o ano 1590 para desenvolver as súas actividades.