Ribadeo Camiño Norte

Antiga Aduana

Construída como pazo en 1726, foi a casa de don Carlos Miguel Acevedo Pardo y Taboada, Capitán de Granadeiros do Rexemento de Infantería de Milicias de Oviedo.

De estilo borbónico con torre na parte traseira, tamén residiu nela Pedro Miranda Villamil, un exitoso comerciante contemporáneo do Marqués de Sargadelos.

Destaca a súa fermosa fachada orientada cara o norte. É un edificio de tres plantas con fachada principal conformada por tres grandes arcos de medio punto e vans.

O edificio tivo diferentes usos, sendo alugado para aduana durante un breve tempo a partir de 1800, cando se constrúe o embarcadoiro e unha rampla en Porcillán ao final da rúa das Angustias, hoxe Antonio Otero.

Os amplos baixos da casa servían de almacéns e alfolí, isto é, de pósito ou celeiro e de almacén de sal. Tamén foi fábrica de salgadura e chegou a albergar ás Clarisas do convento de Santa Clara cando este foi ocupado polas tropas francesas durante a invasión napoleónica. Nos anos vinte e trinta estivo dedicada a escola de nenos e nenas ata o comezo da Guerra Civil.