Ribadeo Camiño Norte

Torre dos Moreno

Símbolo arquitectónico da vila, está considerado como un dos edificios máis representativos da arquitectura indiana en Galicia.

Mandado construír por dous irmáns ribadenses emigrados na Arxentina, Pedro e Juan Moreno Ulloa, completouse na segunda década do século XX.

Situada estratexicamente na parte alta de Ribadeo, no solar da antiga Fortaleza, foi deseñada polo arquitecto arxentino Julián García Núñez, discípulo de Gaudí.

De estilo ecléctico, pero con claras influencias modernistas, especialmente do modernismo catalán, foi concibida como unha casa de rendas e estivo ocupada ata finais do século pasado. Nos seus baixos estiveron o antigo Casino de Ribadeo, a Biblioteca Municipal, as oficinas dun banco e incluso unha funeraria.

Foi construído con materiais innovadores para a época como son o formigón e o ferro forxado, feito pouco frecuente na Galicia de aquel entón. Quizais o feito de que os materiais utilizados fosen tan innovadores provocou o seu prematuro deterioro arquitectónico, posto que se utilizou area da ría a cal non é axeitada para a construción.

Constitúe ademais un símbolo do progreso indiano.