Ribadeo Camiño Norte

O lugar de A Ponte (Arante)

O barrio de A Ponte, que debe o seu nome á existencia dunha ponte onde se xuntan o regato que provén da fraga de Arante e o río Lexoso, e o templo da Nosa Señora das Virtudes foron espazos referenciais para camiñantes e fieis ó lado do antigo Camiño Real, hoxe Camiño Norte de Santiago, que dende Ribadeo nos leva ata a cidade episcopal de Mondoñedo.

Neste lugar documéntase a actividade hospitalaria vinculada ó Camiño xa dende o século XVI, coa fundación do hospital de pobres e peregrinos de San Andrés. Os peregrinos só podían pasar unha noite, o encargado de recibilos era o hospitaleiro, ó ser esta unha das súas funcións ó igual que facer as camas e a comida “y tenga cargo de labar la ropa y hazer y dar lumbre a los dichos romeros”.

No 1834 unha gran riada levaría por diante o edificio do hospital e a capela de San Andrés coas súas imaxes, que estaba unida ó mesmo, desaparecendo nesta data.

Por outra banda, dende a Baixa Idade Media, a capela da Nosa Señora das Virtudes foi un santuario moi visitado e venerado. A fama de milagreira, o gran número de exvotos deixados polos fieis, as festas e procesións marianas que aquí se celebraban, os donativos recollidos e a súa situación ó lado do camiño son probas da atracción que durante séculos exerceu este santuario e que aínda perdura nos nosos días.

A principios do século XVI, o santuario tiña a estrutura interior que conserva na actualidade. Está composto por unha soa nave rectangular con tres portas de medio punto, un arco triunfal apuntado e unha capela maior (presbiterio). A capela presbiterio, o altar maior e o retablo de madeira policromada, de estilo renacentista, data de 1570.

Os bispos amosaron un marcado interese polo culto no santuario como mostra o feito de que a finais do século XVII o cura de Arante fose autorizado a celebrar dúas misas na capela, cando por norma xeral os párrocos non podían celebrar máis de unha misa dominical. Así mesmo, a documentación da época apunta a que se facían polo menos dúas ou tres procesións anuais, na actualidade celébrase unha soa o luns de Pentecostés.