Ribadeo Camiño Norte

Igrexa parroquial de Santa María do Campo

Foi parte do convento franciscano fundado, segundo a tradición, por Francisco de Asís durante a súa peregrinación a Compostela en 1214, ó chegar ata aquí por ser Ribadeo sede episcopal, non obstante, as fontes históricas dinnos que realmente foi fundado por Benicasa de Tudesco, discípulo de San Francisco de Asís.

Pouco queda xa do templo medieval que existiu ata a desamortización de Mendizábal. A partir dese momento queda abandonado, arruinándose a maior parte da igrexa e o claustro.

Aínda así, coa súa exclaustración, converteuse en parroquial pasando a chamarse Igrexa de Santa María do Campo. O templo conventual era dunha soa nave e de planta de cruz latina, non tiña bóveda e estaba rodeado por un claustro sombrío, o campanario era de espadana. Non é ata 1902 cando se reforma e amplía a igrexa construíndose a torre, a bóveda, o coro novo e elimínase o claustro.

As portas son de estilo gótico e nunha delas podemos observar a decoración típica dos templos mendicantes no que respecta ó zig-zag que decora as portadas e elementos de decoración con motivos vexetais. Do antigo convento franciscano consérvase a disposición xeral do plano, o arco do presbiterio, as lousas do chan.

Hoxe ten tres naves abovedadas e unha singular capela na que está enmascarada a entrada á antiga sala capitular. Dos antigos retablos, conserva o maior, o de San Xosé e o de San Antón. Tamén conserva parte do coro vello e varias imaxes, entre elas, a de San Pedro que pertenceu ó gremio de navegantes de Cabanela e Porcillán.