Ribadeo Camiño Norte

Igrexa parroquial de San Xoán de Ove

Atópase situada no centro do pobo e acompañada, moi preto, por varios hórreos e casas típicas da zona.

Aínda que é de orixe medieval –quizais houbo un mosteiro antes do ano 1100–, o edificio actual é do século XVII e foi reformado posteriormente.

A súa fachada está presidida pola cruz da Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén. Esta orde, tamén coñecida como Orde dos Irmáns Hospitalarios, naceu no século XI como orde hospitalaria que prestaba asistencia ós peregrinos de Terra Santa, máis tarde, cando as Cruzadas, converteríanse en orde de cabalería. A súa expansión por Galicia segue as rutas de peregrinación a Compostela, sendo a súa principal fundación o Hospital de Portomarín.

Tivo en Ove unha das súas casas (que na idade media era xa de pedra e pechada co seu muro), subsidiaria de Portomarín e que funcionou como punto de asistencia menor e para a recadación de rendas das propiedades que a orde posuía na zona.

Posúe nave rectangular con cuberta a dúas augas sobre armadura de madeira con falso entablamento interior. O frontispicio ten campanario de dous vans e, como outras igrexas da zona, un pórtico protexe a entrada.

No seu interior conserva un retablo maior de estilo rococó, presidido por unha imaxe de San Xoán Bautista, e outros menores nas naves laterais.