Ribadeo Camiño Norte

Convento de Santa Clara

Orixinariamente era unha beataría do século XI, transformándose en convento no século XIV. Sobre a porta da entrada hai unha inscrición que di “Haec est domus paupertatis”  (esta é a casa da pobreza), palabras que mandou poñer Santa Clara na porta dos seus mosteiros.

No edificio actual as partes máis antigas que se conservan datan do século XV e un claustro do XVIII aínda que moi modificado.

Despois dun gran incendio sufrido no século XVI é reconstruído mellorando a súa situación considerablemente, e chegando a ser, no século XVIII, un dos mellores templos da provincia, contando a comunidade que congregaba cunhas importantes rendas.

A principios do século XIX, con ocasión da invasión da vila polas tropas napoleónicas, os franceses ocupan o mosteiro para aloxarse, expulsando ás monxas e danando gravemente o edificio que sufriría a perda dunha boa parte do seu arquivo.

Entre 1810 e 1812 o edificio funcionou como hospital militar e posteriormente como albergue de enfermos transeúntes.

Actualmente o convento está formado por un edificio rectangular que conserva no seu interior a estrutura orixinal. A igrexa consta dunha soa nave con arco triunfal que da paso ó presbiterio.

O claustro central, do século XVIII, forma un cadrado con arcos de medio punto no primeiro piso e o teito é de artesanado sinxelo. O terceiro piso ten dúas ás con arcos abertos. Posúe unha cociña monástica do século XVII.

Deste conxunto sobresae a súa magnífica torre de planta cadra, con dobre arco de medio punto, rematada cunha espadana.

Na actualidade trátase dun convento de clausura. Pódese visitar a súa capela e acudir a misa diaria ás 9:00 h.