Ribadeo Camiño Norte

Casa de Abaixo

Coñecida popularmente como “Casa de Abaixo” en contraposición á coñecida como “Casa de Arriba” que era como se coñecía á casa de Antonio Casas (antigo Pazo de Ibáñez).

En 1839 establécese en Ribadeo Francisco Antonio de Bengoechea, comerciante de orixe vasco, edificando esta casa. Crea a Casa de banca e comercio Bengoechea, dedicada á actividade comercial, navieira e bancaria, a comezos do século XIX e que funcionaría durante máis dun século.

Bengoechea chegou a contar con trinta e tres barcos mercantes de diferentes tipos. Cos máis pequenos facía negocios centrados na navegación de cabotaxe mentres que os máis grandes navegaban por todos os mares, con liñas regulares ó mar Báltico e ó mar Caribe especialmente.

A comezos do século XX, esta casa pasa por herdanza a mans de don Ramón Bustelo González. Aquí naceu a súa filla Mercedes Bustelo, nai do expresidente do goberno Leopoldo Calvo Sotelo Bustelo.

Calvo Sotelo, aínda que nado en Madrid, sempre estivo moi vinculado a Ribadeo (de feito dende o ano 2002 ostentaba o título de Marqués da Ría de Ribadeo) pasando parte da súa infancia nesta casa como recolle no seu libro Pláticas de familia (1878-2003).