Ribadeo Camiño Norte

Capela do Carme en Vilela

Pasado o lugar da Casa da Edra, o camiño de peregrinación entra na parroquia de San Vicente de Covelas polo lugar de Vilela. É un pobo de gran antigüidade, xa que aparece entre os pertencentes ó mosteiro de Lourenzá xa no ano 1131; a presenza dos monxes explicaría o seu precoz desenvolvemento. No século XII pasou ó patrimonio do cabido de Mondoñedo.

O seu urbanismo é o típico dos pobos atravesados por unha importante vía, con casas que se estiran por ela e polos camiños menores que conflúen. Hoxe presenta algúns magníficos exemplos de arquitectura tradicional, pero dista de ser o núcleo activo que no século XVIII era capaz de manter dúas tabernas abertas.

A súa coqueta capela, que honra á patroa das xentes do mar, trátase dun edificio sinxelo, de muros recubertos de formigón e cuberta a dúas augas de lousa. Froito da devoción popular, a súa única nave está presidida pola imaxe da Virxe, á que acompañan San Marcos e a Dolorosa.

No atrio, un ilustrativo esbozo marca as etapas do camiño no termo municipal de Ribadeo.